Sunday 05 de May de 2024

O venres remata o prazo para presentarse ao Concurso de guións contra a violencia de xénero que organiza a Deputación


O grupo gañador poderá levar a práctica a súa historia a través dun curso práctico de realización de curtametraxes

O concurso de guións contra a violencia de xénero que organizou por primeira vez este ano a Deputación da Coruña pecha o seu prazo de presentacións este venres, 26 de decembro.

O certame vai destinado á mocidade de entre 14 e 18 anos co obxectivo de educar na igualdade e loitar contra esta problemática dende a xuventude.

As bases do concurso foron publicadas no BOP do 25 de novembro e contemplan a presentación de traballos individuais ou en grupo (máximo 6 persoas por grupo) supervisados polo persoal docente do centro de estudos ao que estean adscritos. De entre todos os participantes, elixirase un único gañador que recibirá (ou recibirán, en caso de que sexa un grupo) como premio un curso práctico de realización de curtas no que se producirá o vídeo baseado no seu guión adaptado segundo as necesidades e onde os autores poderán ser partícipes e protagonistas de todo o proceso.

Con esta actividade preténdese crear debate e mobilizar á poboación adolescente. Así mesmo, o obxecto do concurso procura a participación da comunidade educativa como piar necesario para guiar e orientar no proceso de creación.